"In memoriam" ao noso amigo e compañeiro "Pico"

Publicado por DITEA ÁS 8:27 p. m.
Pico (primeiro pola dereita-arriba) cos actores de DITEA en Sargadelos, 1976
Onte deixounos Xosé Manuel Olveira "Pico". O teatro galego perde a un dos seus actores máis grandes, e DITEA queda orfa dun dos seus amigos máis queridos e apreciados. Os seus primeiros pasos sobre os escenarios deunos con esta compañía a principios dos anos 70 e, dende entón, nunca rompeu o seu vínculo co grupo de teatro que o viu nacer como actor. "Pico" sempre colaborou connosco cando a súa dilatada axenda llo permitía. Participou en xuntanzas, axudou na dirección de espectáculos e, fiel a súa paixón interpretativa, sempre quería facer algún papeliño.


A última colaboración de Xosé Manuel con esta compañía foi con motivo do 50ª aniversario de Teatro de Cámara DITEA na representación en Santiago da "Coroación de Afonso Reimúndez como Rei de Galicia" no transcurso da Feira Medieval compostelana, nun espectáculo montado especialmente para este evento.
Pico durante a representación da "Coroación de Afonso Reimúndez" en Compostela, xuño de 2010
Coa súa partida os escenarios perderon a un interprete apaixonado e comprometido. Un profesional da interpretación que cativou ao público en teatro, cine e televisión. Os que o coñecimos e traballamos xunto a el, sentimos un profundo baleiro tras o seu pasamento. Del lembramos a calidade das súas interpretacións pero, sobre todo, o seu carácter afable e amistoso. Porque Pico foi antes que actor amigo dos seus amigos.


Foise un actor imprescindible, foise un amigo, foise un "diteo". Pero a súa perda non debilita o vinculo que os integrantes de DITEA sempre teremos con el  . Porque Pico sempre permanecerá entre nós, cada día que pisemos un escenario. 

0 Comentarios a '"In memoriam" ao noso amigo e compañeiro "Pico"'


"ANIMALIÑOS"
Domingo 7 de decembro, 19:00 h.
Teatro Principal de Santiago
Concello de Santiago


footer